HERDAR UNHA BATEA. O RELEVO XERACIONAL NO SECTOR BATEEIRO.

Recentemente, distintos medios de comunicación facíanse eco da falta de relevo xeracional no sector bateeiro, iniciándose unha campaña dende o sector e a administración pública para dar a coñecer aos máis novos a miticultura como aposta de futuro e como un medio de vida rendible.

Neste eido pode ser importante dar a coñecer a posibilidade que nos atribúe a Lei de Dereito Civil de Galicia, que a través das herdanzas en vida, que se concretan no Pacto de Mellora ou na Apartación, poden ser unha ferramenta para dinamizar o patrimonio familiar, podendo transmitir  en vida as bateas e a súa concesión administrativa de pais a fillos para que as poñan en valor e poidan dar continuidade a un sector tan importante na nosa economía.

Cada vez son máis numerosas as consultas relacionadas co adianto da herdanza en relación coas bateas, e máis nestes tempos nos que está en marcha a modificación lexislativa en materia fiscal, que pretende aumentar a tributación no uso desta figura.

 

¿QUÉ É UNHA HERDANZA EN VIDA?

A Lei de Dereito Civil de Galicia do ano 2006, permite outorgar o coñecido como Herdanza en vida, a través da figura dos pactos sucesorios, inexistentes no réxime do Código Civil. Nesta Lei regúlanse, nos seus artigos 209 e seguintes: O pacto de mellora e o pacto de apartación.

O pacto de mellora é aquel polo que se decide a sucesión de bens concretos en favor dalgúns herdeiros,  e pode contemplar a entrega do ben no momento do acto de disposición, ou ben a entrega do ben diferida ao momento da morte do titular da concesión.

Neste caso o beneficiario será un descendente do outorgante, aínda que non sexa necesariamente lexitimario, é dicir, pode facerse entre avós e netos, pero non a favor do cónxuxe e o titular da concesión poderá articular os supostos nos que o pacto de mellora quedaría sen efecto.

 –O pacto de Apartación, regulado nos artigos 224 e seguintes, so se poderá dispoñer en favor de herdeiros lexitimarios ou forzosos, polo tanto, será a favor de fillos ou descendentes dos fillos premortos ou desherdados, e este pacto si que poderá facerse a favor do cónxuxe.

En ambos casos establécense requisitos comúns, polos cales son actos dispositivos nos que se esixe a maioría de idade e a plena capacidade de obrar para poder realizalos, así como o requisito de formalizalos mediante Escritura Pública ante Notario. Así mesmo, o titular da concesión debe ter a veciñanza civil galega no momento de realizar algún destes pactos.

 

A HERDANZA EN VIDA E A TRANSMISIÓN DAS BATEAS.

O sector bateeiro cada vez recorre máis ás transmisións das súas concesións a través das herdanzas en vida. Este mecanismo réxese polas disposicións da transmisión mortis causa a pesar de que o titular da batea non estea falecido.

Tal e como recolle a Orde de 15 xuño de 1999, pola que se regula o procedemento para a transmisión da titularidade das concesións das bateas de cultivos mariños en augas de Galicia, supón requisito indispensable, facer solicitude da transmisión mortis causa na Consellería do Mar posto que de non facelo só se estaría transmitindo a estrutura da batea e é fundamental a transmisión da titularidade da concesión administrativa que leva aparellada o artefacto flotante.

Esta solicitude presentarase no rexistro da consellería correspondente acompañada da documentación notarial que evidencie a vontade de facer a transmisión, así como das copias acreditativas da identidade das partes interesadas e do xustificante de ter satisfeito o pago da taxa administrativa pola tramitación desta transmisión.

O prazo máximo para que a consellería resolva será de 6 meses, e aínda que o transcurso deste prazo sen resolución expresa non exime á Administración da obriga de resolver, se non resolve neste prazo enténdese que a solicitude foi desestimada, de acordo coa Lei 39/2015 do  procedemento administrativo común das administracións públicas.

Finalmente o outorgamento da autorización de cambio de titularidade publicarase no Diario Oficial de Galicia mediante orde da Consellería do Mar que conterá como mínimo:

      • Identificación dos anteriores titulares concesión.
      • Identificación dos novos titulares.
      • Identificación da batea.
      • Situación e cuadrícula.
      • Especie autorizada para o cultivo.
      • Fecha da orde de outorgamento inicial da concesión e da súa publicación.
      • Vixencia da concesión, coa indicación da data da finalización.
      • Indicación de que o novo titular se subroga nos dereitos e obrigas do anterior titular.

Pode resultar curioso que, na resolución especificase que os novos titulares da concesión subróganse nos dereitos e obrigas dos anteriores dende o momento da formalización en escritura pública, pero o trámite administrativo  que remata coa publicación da Resolución administrativa no Diario Oficial de Galicia é a que realmente da efecto á transmisión da batea coa concesión, pois a Consellería do Mar e a que ten atribuídas as competencias tanto para a autorización das mesmas, o control do cumprimento dos deberes e obrigas que leva aparellada a concesión e a que vai autorizar as prórrogas co novo titular. Sen autorización administrativa, transmítese só o artefacto flotante.

Polo tanto, non hai que descartar que o mecanismo das herdanzas en vida neste sector da miticultura pode ser unha boa ferramenta para asegurar o relevo xeracional, sendo un mecanismo sinxelo de transmisión da propiedade que aporta seguridade ao herdeiro para enfrontarse ao reto da continuidade na vida no mar e permite ao titular da concesión deixar a actividade coa tranquilidade da supervivencia do seu medio de vida.

 

En DE JUSTICIA contamos con  Letrados expertos nesta materia que analizarán o seu caso particular e lle ofrecerán a mellor opción para o futuro da súa empresa e da súa familia. Contacte con nos e estaremos encantados de poder axudarlle.

María D. Domínguez.

Lic. Dereito Col. N.E.